lunes, 3 de noviembre de 2014

Descarga o libro fillos Ilustres de Lalín en calquera formato electrónico

Desde este enderezo web poderás descargar o libro FILLOS ILUSTRES DE LALÍN en calquera dos formatos electrónicos


http://www.donramiro.org/index.php/fillos-ilustres-ebook

domingo, 12 de mayo de 2013

OBITUARIO: Cesar García Oro


Eras o meu ídolo de adolescencia: gracioso, de fala fluida… e sempre cunha muller fermosa ó teu carón. Cada verán que te achegabas por Galicia deixábaste caer polo convento de San Francisco a visitar ó Padre Oro, por Lalín de Arriba a ver a Hermelinda e familia, pola Veiga a ver como envellecía a túa casa natal  e pola casa do “xastre de Donramiro”. De cote acompañábate unha muller fermosa: morenas, louras, altas, baixas, cubanas, caucásicas… Eu quería ser como Cesar de maior, e intenteino abofé que o intentei… pero só neste plano. Devecías polos tomates arrincados da planta da horta do xastre, só mollado en sal. Contábaslle a Benito que os tomates de USA xa non sabían igual (os de agora aquí tampouco!).

Estíbeche a maior parte da túa vida rodeado de negros e hispanos, en Howard (non en Harward, como se cansan de dicir moitos dos que de ti escribiron un par de pouco documentadas liñas en Lalín). A Harward ías de visita, e por obrigación un par de veces… demasiado estirados para o teu gusto. A universidade americana  dos negros e dos hispanos era máis do teu estilo.

Dous “Oro” danlle lustre á historia intelectual de Lalín. Hoxe, o teu querido Padre Oro chora a túa perda entre a pedras de San Francisco, onde avellenta sen que a súa obra, como a túa, sexan postas en valor polas autoridades de Lalín: o que non se colga nin se come non parece ter valor para eles!.
Galeguista ate a medula, orgulloso do idioma que “mamou”, díxolle á súa sobriña a última vez que visitou Lalín: “voume esquecendo de todo… pero o último do que me vou a esquecer é do galego”. O Alzheimer xa empezaba a “facer das súas”. Volves á casa, na semana das Letras Galegas, as mesmas que como catedrático e escritor divulgaches a este e ó outro lado do Atlántico. 

Eras o meu ídolo de adolescencia, magoa que non te quixese imitar na túa faciana intelectual, hoxe sería algo máis que este “xunta-palabras” que te admira, na mesma primavera na que as túas cinzas cruzaron o Atlántico para repousar na túa querida A Veiga , nunha primavera similar á do teu nacemento  fai 85  anos. Peculiar e especial ate para nacer e morrer: o mesmo día, un 16 de marzo.

Moitos e moitas, pero moitas, recordámoste con afecto, envexa  e admiración. Boa Viaxe!.



Ver biografía:

http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/05/cesar-oro-garcia.html



viernes, 13 de julio de 2012

EPÍLOGO FILLOS ILUSTRES


Con esta serie de artigos  sobre persoeiros lalinenses, publicada en Faro de Vigo e agora recollidos nesta publicación, nos propuxemos axudar a divulgar e a recordar a existencia dalgúns "fillos ilustres" de Lalín e, de camiño, contribuír a corrixir algunhas inexactitudes biográficas cometidas por outros, desas que, repetidas varias veces, seica semellan converterse en verdade (como a adscrición do mestre César Oro á Universidade de Harvard). Foi o tempo de lembrar que algunha destas figuras históricas (é o caso de Gil Taboada) está esquecida polos nosos gobernantes; de poñer en evidencia a riqueza que se perde se se agochan á memoria os legados científicos e intelectuais (Padre José García, Benito Varela, Xosé Rodríguez…); de facer ver, a quen atinxa, ou de pór de relevo a transcendencia de determinadas fazañas realizadas por outros que, sendo recordadas, non son debidamente valoradas, coma é o caso de Loriga e o seu papel no desenvolvemento do autoxiro.
O período empregado na súa elaboración serviunos para comprobar a falta de información municipal, mesmo dun arquivo mínimo actualizado, de honores e recoñecementos non só como fillos "ilustres", senón tamén de concesión de tratamentos honoríficos como "predilecto" ou "adoptivo". Un redactor da delegación do xornal non foi quen de conseguir, en catro meses, unha listaxe de persoas con recoñecemento institucional e outra coa normativa municipal sobre a materia. No mesmo plano, é absolutamente imperdoable que o medio de comunicación institucional que é a web municipal só recolla, coa consideración de Fillos ilustres, a Joaquin Loriga, ao Matemático Rodríguez, a Laxeiro, a Ramón Aller e a Calvo Garra. Inxustificable aldraxe á memoria de, cando menos, unha ducia de lalinenses que forman parte dunha historia que transcende o local para asentarse no eido do nacional e do internacional, nos campos da ciencia, da administración ou das artes.

Como en varias ocasións advertimos ao longo da serie de reportaxes, están todos os que son... e, seguramente, sono tamén algúns que non están! Pechamos esta serie de biografías-reportaxes co agradecemento aos que colaboraron na súa realización, que xa foron citados no posdata de cada artigo, e co compromiso de que non fique nunha acción dun día.

"É sen dúbida desexable ter antepasados ilustres, pero o mérito é todo deles"
Plutarco
"A xente que nunca se preocupa polos seus antepasados xamais ollará cara á posteridade"
Edmund Burke


P.D. Este blog non ten máis obxectivo que axudar a coñecer e apreciar o legado dos fillos ilustres desta terra.

jueves, 12 de julio de 2012

Xosé Cuiña Crespo


Concelleiro, alcalde, deputado provincial e autonómico, presidente de Deputación, conselleiro e empresario: Xosé Cuiña Crespo (Prado, 25 de febreiro de 1950). Dificilmente podería o autor delimitar onde acaba a persoa e comeza a personaxe. Xosé Cuiña é o principal protagonista, e seguramente impulsor, do período de maior desenvolvemento socioeconómico experimentado polo Concello de Lalín na súa historia. Deu pulo a numerosas infraestruturas sen caer en proxectos megalómanos, ós que tan dados son algúns políticos.

"O fillo do muiñeiro" foi o seu slogan persoal, unha sorte de marca que soubo acuñar e aproveitar en beneficio propio e do seu modelo para o país: a articulación dun movemento social e político cunha clara orientación galeguista, na que o motor eran as pequenas e medianas vilas galegas. Fronte a esa filosofía, e iso marcaría parte da súa carreira política, estivo o cada vez maior e máis poderoso sector "urbanita", no que funcionarios, mestres universitarios e profesionais liberais eran maioría. Ós primeiros, representados por Cuiña (tamén por Baltar, Cacharro...), e ós segundos, habilmente "xestionados" onte e hoxe por José Manuel Romay e o seu avantaxado alumno político Mariano Rajoy, recoñécenselles como "os da boina e o birrete", unha frase simbólica na que quedan recollidas as dúas sensibilidades.

A súa traxectoria empresarial está vinculada á empresa Inasus, orixe do que, co tempo, se converteu en grupo empresarial familiar. Os seus intereses empresariais estiveron intimamente ligados ós conflitos políticos dos que foi protagonista e á súa "caída en desgraza" e dimisión do Goberno de Manuel Fraga, logo dunhas compras de material feitas pola Xunta a unha empresa a el vencellada para traballos de loita contra a vertedura do Prestige. Unha adquisición que tivera que ver máis coa urxencia e necesidade de dispoñer do material, pois non mediara beneficio ningún, nin sequera simbólico, como demostrou unha comisión de investigación parlamentaria… Pero a ocasión foi planificada e executada "en clave de sucesión" dende dentro do propio partido, forzando unha dimisión que tivo máis de desgaste que doutra cousa e desenmascarando un bo número de "membros da boina" que mudaron de bando e situaron á fin a Núñez Feijóo na sucesión política, primeiro,  e logo institucional de Manuel Fraga en Galicia.

Xosé Cuiña nace no seo dunha modesta familia un 25 de febreiro de 1950. Fórmase nos institutos de Lalín e Vilagarcía de Arousa e cursa Bioloxía até cuarto, con algunhas materias pendentes de anos anteriores. Cazador, xa de novo preside a Sociedade de Caza de Lalín, o seu primeiro trampolín político. Casa con María do Carme Aparicio, con quen ten dous fillos, Rafael e María. Incorporado por Luís González Taboada, Licho, á corporación municipal; dende 1973 é concelleiro polo "tercio familiar" (durante a ditadura, este grupo de concelleiros constituíase por elección entre os veciños cabeza de familia, xunto co tercio sindical e os propostos polo gobernador civil, abrindo as portas a persoas non vinculadas ó réxime franquista) e seis anos máis tarde preséntase á alcaldía como independente nas primeiras eleccións democráticas, en abril de 1979.

O 14 de agosto de 1987, logo das municipais, substitúe a Fernando García del Valle na Deputación de Pontevedra como presidente, cargo que deixará xunto coa alcaldía de Lalín o 3 de febreiro de 1990, trala vitoria do Partido Popular nas eleccións autonómicas. Faino para asumir a carteira de Obras Públicas, con Manuel Fraga como presidente.

Como alcalde de Lalín artellou unha vila que fora medrando desordeadamente arredor do cruzamento das estradas Vigo-Lugo e Ourense-Santiago, abrindo novas rúas que permitiron a construción de centos de novos edificios e impulsando así o seu crecemento urbano. Neste tempo creáronse numerosas infraestruturas de servizos sociais, lúdicos e deportivos. Lalín tomou forza como centro de produción téxtil e de produtos para o agro e a gandaría, o que motivou a creación de postos de traballo que a transformaron no eixo de servizos da zona centro de Galicia. Foi a época das obras útiles e prácticas.
Como presidente da Deputación de Pontevedra  destacou polo seu esforzo descentralizador, tanto nas decisións como nas inversións. Coma el mesmo subliñou no seu día, era "o primeiro presidente en 150 anos de historia da institución, non residente nas cidades (Vigo ou Pontevedra)". Acadou un alto grao de popularidade no seu contorno político por esa visión do territorio e as súas necesidades, axudado dunha razoable situación económica que permitiu milleiros de "pequenas obras" e o crecemento doutras tantas aldeas, barrios ou vilas da provincia. Non esquecer a cultura e a importancia das actividades agro-gandeiras e as súas necesidades foi outro dos seus acertos.

O seu labor institucional e a súa habilidade persoal facilítanlle "penetrar" no tecido social e político de cada vila e tecer lazos de amizade, principalmente coas provincias de Lugo e Ourense, que o situarán nun plano de relevancia cando se articula a operación retorno de Fraga a Galicia como candidato á Xunta, na que Romay Becaría actuaría de principal cicerone, pero na que Cuiña xogaría un papel fundamental en aspectos relacionados coa mobilización popular e co financiamento da campaña.
Como conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (dende o 6 de febreiro de 1990 ó 18 de xaneiro de 2003), deulles pulo ás entón coñecidas como vías rápidas, ás varias autovías e autoestradas e á creación dunha ampla rede de parques empresariais (entre eles o de Lalín). Puxo en marcha o proxecto da autovía central Santiago-Lalín-Ourense e mantivo unha permanente actitude reivindicativa ante o Goberno central en asuntos como os portos, o AVE e as autovías de conexión co resto da Península.

Puxo en marcha a Lei de ordenación do territorio de Galicia e a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural. En materia de vivenda experimentouse un desenvolvemento exponencial co arranque de programas de fomento da rehabilitación e da construción de vivenda protexida, que arredaron a centos de galegos da infravivenda e do chabolismo. Dimite o 13 de xaneiro de 2003, logo de filtrarse dende "entornos cercanos" ó PPdeG a compra por parte da Xunta de material para traballos de limpeza da vertedura do Prestige a unha empresa a el vinculada.

Paralelamente ó desempeño das súas función institucionais, foi crecendo o seu poder político. Durante a década dos 90 foi o secretario xeral do Partido Popular de Galicia e, dende a chegada ó poder de Manuel Fraga até o seu pasamento, parlamentario galego. No plano estritamente político foi acentuando o seu perfil galeguista, con amplas coincidencias con Manuel Fraga pero distanciado dos "valores emerxentes" do partido, como Núñez Feijóo. Desta etapa é o outro "título" que lle foi atribuído e do que non se molestaba en fuxir: "delfín", que refería a súa posición privilexiada na sucesión de Manuel Fraga, con quen "cociñou" conceptos como os de autoidentificación ou administración única, como fórmula para contrarrestar o de autodeterminación, defendido polos nacionalistas.

No congreso de 2005 non foi quen de se facer cos apoios precisos para o seu nomeamento como sucesor de Manuel Fraga na candidatura á Xunta polo PPdeG, e retirouse da primeira liña política, agás no seu papel como deputado. Non foi, a pesares de que moitos o quixeron presentar así, o cuarto "fillo devorado polo Deus Fraga", despois de Verstrynge, Mancha e Barreiro. Pola contra, foi leal a un home cando este lle pediu que deixara os seus cargos polo ben dunha reelección nas autonómicas que non se chegaría a producir.

En xuño de 2003, meses despois da súa dimisión, xuntaba a representantes de varios medios de comunicación para lles comunicar o seu "retorno" á actualidade política. Facíao no seu muíño de Prado, o mesmo marco que unhas semana antes elixira para manter un reencontro a soas con Manuel Fraga. Alí lembraba: "Teño vocación política e non vou renunciar a ela en ningunha circunstancia. Pero tamén se pode exercer esa vocación como militante, defendendo unha lingua, unha cultura e unha idea como pobo e animando a outros a facer o mesmo. Eso tamén é facer política". E esta podería ser unha das frases que mellor definan o seu “legado” político.

Unha enfermidade impídelle a "resurrección política" que moitos esperaban, boa parte destes con máis temor que outra cousa. Falece en Compostela ós 57 anos o 28 de Nadal de 2007. Ese día dos Inocentes finaba o que podemos considerar último Fillo Ilustre de Lalín.

P.D.: Na miña tarefa como xornalista, na COPE e na TVG en Compostela, vivín os seus primeiros anos como conselleiro de Política Territorial (Obras Públicas primeiro). "Sufrino" como xestor na miña etapa como xefe do gabinete de prensa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, do que el era presidente, en calidade de conselleiro do ramo. Fóra de reflexións persoais, de ámbalas etapas quedoume o convencemento de que se trataba dun home chamado a deixar unha pegada na historia de Galicia ("obras son amores, que no buenas razones", di o refraneiro español) e que mantivo sempre a súa condición de lalinense por riba de moitas outras consideracións, e ese "lalinesismo" foi utilizado en contra del, en moitas ocasións dun xeito insidioso.

Pouco se parece o PPdeG de hoxe ó que "pilotou" Xosé Cuiña durante unha década, o mesmo tempo que o partido empregou para conseguir borrar case por completo a figura deste lalinense da súa historia oficial: a sección Historia do Partido Popular da web do PPdeG resume en liña e media esta longa etapa política, fronte ás abondosas referencias institucionais feitas ó resto dos "protagonistas", e só cita ó entón secretario xeral nunha ocasión, e obviando o seu nome.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

Unha fundación para Alfonso Sucasas


O pasado 10 de xuño publicabamos nestas mesmas páxinas a primeira parte deste Fillos Ilustres dedicado a Laxeiro e Sucasas. Aínda que inconscientemente, presumíase entón a proximidade dun fatal desenlace ao reflectir a súa situación actual coa frase "de saúde delicada a estas alturas". Apenas dúas semanas despois coñeciamos a nova do seu pasamento, con 72 anos, na súa casa de Vila de Cruces. Alfonso Sucasas Guerra (Goiás / Lalín, 1940 – Ferreirós / Vila de Cruces, 2012) deixa muller, moitos amigos, máis admiradores da súa obra e, disque, dúas ducias de traballos "inacabados".

"Os cadros están aí para que falen e punto". Estas palabras son súas e definen moi ben o seu pensamento. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante unha breve tempada, en Madrid, con dezaoito anos emigra a Venezuela. Para aló marcha decepcionado tras suspender o exame de acceso a Belas Artes pero coa intención firme de formarse artisticamente. Virá despois unha segunda etapa marcada pola súa viaxe ó Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en plenitude. En terras brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa como publicista e decorador, até que regresa a Galicia en 1968, xa cunha pequena e esperanzadora colección realizada. Dende entón, Santiago, Vigo e Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. O retorno a Galicia "resucita" as estampas de labregos, actividades agrarias, feiras, festas, paisaxes rurais... que durante a súa etapa americana gardou na memoria. Crea obras influído, máis que por outros pintores, pola situación social e política de cada momento.

Ó contrario de moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case que á marxe dos círculos culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que non se poida falar del coma un "pintor de etapas" segundo as influencias externas. Crea "libre", coa figuración como referente, "clásico"... Nos oitenta é xa un pintor "de éxito". A principios deste 2012, e sobre esta cuestión, afirmaba: "A miña vinculación co mundo cultural durante os últimos anos ten sido nada de nada de nada. Convertinme nese aspecto nun franciscano que foxe do mundo para poder pintar o que a min me dá a gana. Non quero influenzas de fóra".

O profesor de Historia da Arte Xerardo Fentanes, lalinense e amigo persoal de Sucasas, defíneo coma "un home apaixonado da vida", que "pintou co corazón o que levaba dentro, fóra de movementos e de diñeiro", e "a súa obra reflícteo". O folleto dunha recente exposición de obras súas dicía ao respecto dun dos seus cadros (Campesinas): "Sucasas, al igual que otros muchos pintores de fuerte arraigo a su tierra, encuentra en la realidad que lo rodea una fuente inagotable de inspiración. Su manera de interpretar la vida se traduce en las pinturas que buscan la memoria de la identidad, el sentido primitivista del mundo popular, los campesinos, las rotundas mujeres gallegas. La resolución, en estas tres campesinas, de unas formas subjetivadas e idealizadas, no implica la pérdida de la verdad que encierran. Las figuras conjugan rudeza e ingenuidad. Los colores se aplican espontáneamente. El carácter volumétrico de las figuras se refuerza con las gruesas u directas líneas de contornos, evidenciando un expresionismo de apariencia templada y esquemática". Probablemente, só probablemente, é unha descrición aplicable a moitas das súas obras e até a parte da súa vida artística.

Sucasas dicía ser pintor "dende neno". Retratos, espidos e escenas costumistas suman a maior parte da súa produción pictórica. A súa última exposición tivo lugar en Vigo a principios de ano. As protagonistas eran 35 pezas que conformaban unha retrospectiva na que se puideron ver mesmo traballos realizados durante a súa estadía americana, onde experimentou co abstracto que, co tempo, quedaría só para presumirse no interior das figuras que pintaba.

Obras súas colgan hoxe nas paredes das máis importantes salas de exposicións, pero tamén en moitas casas e empresas, do mesmo xeito ca nas principais institucións galegas, como o Parlamento de Galicia, onde se poden admirar Antroido 1 e 2, e Follas.

Pasou os últimos anos da súa vida na compaña da súa esposa María Espinosa Borrego, na vivenda familiar e casa de turismo rural de Ferreirós, en Vila de Cruces, e os últimos meses levando con suprema elegancia e discreción a enfermidade que acabou coa súa vida. O ilustre pintor lalinense foi despedido por centos de veciños primeiro na capela ardente instalada no Museo Municipal Ramón María Aller e despois, no funeral. Pola súa banda, o Goberno municipal expresou a súa dó declarando dous días de loito oficial.

P.D.: A creación dunha fundación que conserve, divulgue e manteña o seu legado é agora algo máis ca unha posibilidade, é unha obriga. Este era o desexo de Alfonso Sucasas. Será o mellor recoñecemento á figura deste ilustre lalinense.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

Os nosos artistas (II)


A excepción de Ramón Aller e Loriga Taboada, son os  pintores os únicos "ilustres lalinenses" aceptablemente coñecidos polos seus veciños e, con Ramón Aller, os únicos habitantes desta vila amplamente distinguidos fóra dela. Esa é a razón pola que esta entrega está dedicada de xeito conxunto ós pintores que deu Lalín e que, co seu traballo, honran tamén a terra que os viu nacer. Catro son os nomes que destacan: Laxeiro, Sucasas (ós que dedicamos a primeira entrega), Lamazares e Aymerich.

Antón Lamazares (Maceira, 1954): París, Nova York, Madrid, Berlín...

A aldea marcou os seus primeiros anos de vida: as tarefas agrarias, as paisaxes, a pequena escola... Pasa parte dos anos sesenta interno no Convento franciscano de Herbón, onde esperta o seu interese por ler e escribir poesía, e se volve un devorador de libros clásico.

Autodidacta, a Lamazares atópanselle influencias de Laxeiro, pero tamén de artistas dos que vai coñecendo a súa obra en viaxes e visitas a museos e exposicións: Tàpies, Miró, Francis Bacon, Van Gogh...

Co comenzo dos setenta, e despois dunha longa viaxe por Europa, fixa a súa residencia en Barcelona, onde chega a traballar como obreiro na construción para poder sufragar os custos dos estudos de arte. Na cidade condal mergúllase nos museos e salas de exposicións e é alí tamén onde a súa afección pola poesía rexorde.

A finais dos setenta trasládase a Madrid, onde vive con intensidade a vida cultural da capital e o inicio dunha fonda actividade pictórica que se prolongará durante as dúas décadas seguintes, período no que comeza a residir longas tempadas en Bruxelas, Nova York, Barcelona, Salamanca, París... con numerosas viaxes a outras cidades de Europa, América e Asia. Así até descubrir o feitizo de Berlín, onde reside dende 2004. Son anos nos que as súas exposicións se suceden e multiplican case sen interrupción e nos que vai sumando numerosos recoñecementos, entre eles, o Premio Laxeiro á traxectoria artística, a Insignia de Ouro da Universidade de Santiago e a Medalla Castelao.

Din del que "é un pintor de series" máis que de etapas. A elas refírese con nomes tan suxestivos como Lugar Donsión, Pol en Adelán ou E fai frío no lume, esta última marcada pola morte do seu pai. Pero de Lamazares non convén perder de vista os seus gravados ou os seus traballos en papel e, por suposto, os seus poemas.

O éxito co que recollen as crónicas o máis dun cento de exposicións individuais e o dobre de colectivas dan exemplo do interese que esperta a obra de Lamazares por todo o mundo.

Guillermo Aymerich Goyanes. Lalinense, di que naceu "por casualidade" en Santiago, en 1964. Logo da súa estancia xuvenil en Porto Rico, viaxa a Valencia para estudar, primeiro, e doutorarse, despois, en Belas Artes pola súa Universidade Politécnica. Profesor (esporádico) desta institución e, sobre todo, artista e viaxeiro impenitente, neses anos é un habitual da Algarabía e a Foliada do recordado Luís Areán. A música, nomeadamente a de "valores lalinenses", como a do propio Areán ou a do Xocas, é unha constante na súa vida, como o Lalín ó que regresa periodicamente. "O retorno sempre vén ben para entender mellor isto e valoralo máis. E a comida", afirma.

Cualifícase a si mesmo coma un "pintor picante" (o marketing tamén é cousa das artes) e defínese como "pintor, viaxeiro, rastafari e pangalaico que se mestura en distintos puntos do globo". Ten exposto e espalladas obras polo mundo enteiro –25 exposicións individuais, máis de 200 colectivas e obras expostas en 30 museos dos cinco continentes–. Froito da súa peripecia vital, Europa e China son referencias periódicas para a súa residencia e para o seu traballo. Ó "país roxo" únelle, ademais do profesional, a súa parella Wifi, modelo e cantante, un motivo máis para alongar a súa actual estadía en Pequín.

Xustifica o seu espírito viaxeiro e a influencia de cada lugar no seu traballo comparando a pintura coa cociña: "Non te podes limitar a unha despensa local". Cada estada xera unha serie, unha colección, unha obra...

P.D.: A lista de artistas lalinenses é ben máis longa. Como recordabamos no capítulo En feminino, lembramos a Mª do Carme Calviño Iglesias, pintora nada na Xesta no ano 1938, de familia de mestres e afincada dende nova na Coruña, onde desenvolve os seus estudos artísticos e realiza boa parte do seu traballo pictórico. Tamén é de salientar o traballo do tristemente desaparecido Willy, pois moitas das súas obras (e até algunha reprodución) dan vida a moitos lugares da súa vila. E novos valores como Álvaro Negro, Miguel Calvo –Misha Bies Golas– ou os Payo... Homes e mulleres que dotan esta terra desa sensibilidade que a distingue doutras.


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal

Os nosos artistas (I)


José Otero Abeledo, Laxeiro, Alfonso Sucasas, Antón Lamazares e Guilermo Aymerich son as catro patas que sustentan o banco (o cabalete de pintor, deberiamos dicir) da expresión pictórica da capital de Deza. Catro nomes que, pola súa "contundencia" artística, deixan pequenos, aínda que sen lle restar mérito ningún, a outras ducias de artistas plásticos xurdidos nesta fértil terra, sendo merecentes de recoñecemento e recordo.

Se por algo destaca Lalín nos últimos 100 anos é pola extensa colleita de artistas de primeiro nivel que ten dado. Moitos deles acadaron relevancia internacional, pero todos ficaron cun pé na terra na que abrollaron, coma se dela chuchasen a enerxía precisa para seguir creando.


José Otero Abeledo - Laxeiro: Nace en 1908 na cerna da parroquia lalinense de Donramiro, ao carón da escola e do edificio que fora concello. Morre en Vigo en 1996. Os primeiros anos discorren no seo dunha familia de sete irmáns –el era o maior– que pronto emigra a Cuba, onde o luso Moreiras, mestre seu, marcará a súa vocación artística e o interese pola vida cultural da Habana. Volve adolescente para Lalín, onde reparte o seu tempo entre a pintura e a profesión de barbeiro, coa que percorre as feiras e vive escenas que logo reflectirá nos seus debuxos. Nace así o gran retratista que analiza con suma precisión a tipoloxía do campesiñado galego. 
Sucesivas axudas públicas permítenlle formarse e viaxar acotío a Madrid, onde comeza a frecuentar faladoiros e a compartir xuntanzas de intelectuais galegos, entre os que se atopaban Vicente Risco, Castelao, Suárez Picallo ou Otero Pedrayo, e, de camiño a elas, visitas e máis visitas ó Museo do Prado. De volta a Galicia é xa un pintor "consolidado". Casa entón con Luisa Villamarín e, froito da relación, nace Mari Cruz Otero. Frecuenta os cenáculos artísticos de Compostela como xa fixera antes da súa estadía madrileña e, logo dunha breve tempada na capital provincial, fixa a súa residencia en Vigo, que, xunto con Lalín, van ser "domicilio recorrente" para Laxeiro.


É un dos máis claros representantes do que se deu en chamar "vangarda histórica galega", un grupo de renovadores que sitúan Galicia no mapa mundial da plástica. Coma "un fabulador plástico", así se pode resumir o seu perfil artístico, botando man dunha das terminoloxías que se teñen empregado para definir a súa obra. Se falamos de influencias, Laxeiro bebe do Románico e do Barroco galego, do Picasso neoclásico, do expresionismo europeo ou do Goya máis negro. Gran debuxante, ten deixado centos de traballos espallados polo mundo, moitos en panos de mesa, manteis ou simples cuartillas.


Nos primeiros anos foi considerado un escultor da pintura –"estética granítica", seica lle chaman os que disto "entenden"–, por tomar da escultura en pedra de Galicia a inspiración. Negros e ocres, e lenzos con escaso "aire", saturados as máis das veces, danlle continuidade ó seu traballo, até chegar á época máis influenciada por Goya. Eran os tempos en que escenas tradicionais da terra, ritos, celebracións... tomaban protagonismo. 
Corren os anos 50 e Laxeiro cruza de novo o Atlántico, desta volta cara a Bos Aires. Na capital arxentina permanece vinte anos nos que, paradoxalmente, é influenciado polos artistas europeos do momento, nomeadamente franceses, cun expresionismo un tanto irreal ás veces. A súa pintura tórnase máis sinxela, menos cargada que no período precedente pero sen conceder aínda grandes espazos "baleiros" ó lenzo, que gaña en color.


En 1972, xa de volta en España, Madrid, Lalín e Vigo son lugares de longas estadías que vai alternando sen fin, situándose á cabeza do coñecido como movemento Atlántica. Os oitenta e os noventa son anos dun especial recoñecemento en vida da súa obra: organízanse máis de medio cento de mostras individuais, Vigo dedícalle un museo, recibe a Medalla de Lalín, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, a Medalla de Ouro do Concello de Vigo e a Medalla Curros Enríquez, e institúese a Bienal Laxeiro de Lalín.


Alfonso Sucasas Guerra (Goiás, 1940): "Os cadros están aí para que falen e punto". A frase é súa e define moi ben o seu pensamento. Logo de formarse na Escola de Artes e Oficios de Lalín e, durante unha breve tempada, en Madrid, con dezaoito anos emigra a Venezuela xa coa intención de formarse artisticamente. Virá despois unha segunda etapa marcada pola súa viaxe ó Brasil, que o axudará a desenvolver a súa vocación en plenitude. En terras brasileiras, ademais de formarse como pintor, traballa como publicista e decorador, até que regresa a Galicia en 1968. Dende entón, Santiago, Vigo e Lalín serán sucesivos e recorrentes destinos nos que vivir e pintar. Crea obras influído, máis que por outros pintores, pola situación social e até política de cada momento. Ó contrario de moitos dos seus contemporáneos, Sucasas vive case que á marxe dos círculos culturais, entregado ó traballo. Este feito fai que non se poda falar del como un "pintor de etapas" segundo as influencias externas.


De saúde delicada a estas alturas, Sucasas di ser pintor "dende neno". Retratos, desnudos e escenas costumistas suman a maior parte da súa produción pictórica.

NOTA: Sucasas falecería poucos días despois de escribirse este artigo, ver obituario: http://ilustreslalinenses.blogspot.com.es/2012/07/unha-fundacion-para-alfonso-sucasas.html


® Benito García / Faro de Vigo
O uso total ou parcial deste texto está autorizado, supedidato á cita da súa  fonte orixinal